Un virus antidemocrático infecta a Costa da Morte
A democracia na Costa da Morte non está atravesando o seu mellor momento de saúde.
Esta gripe non só está motivada polo virus da Operación Orquestra que máis que ver coa saúde democrática está relacionada coa corrupción, coa falta de profesionalidade, cos servilismos e coas, por ocultas non descoñecidas, relacións entre o empresariado e a clase política.
Ao fío das vindeiras eleccións municipais están saíndo á luz síntomas de enfermidade que de seguro, a pouco que se afonde neles, poden ser indicios dunha doenza que, se continuamos a ignorar, pode dar en algo moito máis grave.
Vendo as páxinas da información local dos xornais atopámonos día tras día con exemplos da perversión do sistema.
Acordémonos dos puntos de luz que estes días aparecen a esgalla, incluso para alumear galiñeiros.
Ou, o que xa resulta de extrema gravidade, que haxa candidatos que expresen con total impunidade e incluso facendo gala de influír a persoas para votaren nun ou noutro sentido.
Accións coma estas fannos regresar a outros tempos ou viaxar a outros lugares.
Se se nos enche a boca cando falamos de Constitución, de sistema democrático, de pertenza á Unión europea, de ser un dos países máis avanzados do mundo, etc, deberíamos erradicar estas prácticas de clientelismo, que só demostran unha profunda actitude antidemocrática, dunha vez por todas ou recoñecer que o noso sistema non é tan bo, tan xusto nin tan marabilloso como cremos.
O que é certo é que nos países avanzados e con tradición democrática estas cousas non pasan ou polo menos os seus autores/as teñen máis vergoña e non exhiben como mérito o feito de prostituír o sistema democrático.
3 Notes/ Hide
-
pablobelay liked this
-
echeoquehai liked this
-
albores posted this